quinta-feira, 21 de fevereiro de 2013

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
 GRAZAS ROSALIA!


http://www.manuelmaria.com/recursos/outros.htm


http://www.manuelmaria.com/manuelmaria/recursos/videos/ver.htm?id=14&paxina=1


   María Rosalía Rita de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro do 1837. Parte da súa infancia pasouna coa súa nai en Padrón, indo ós 13 anos para Santiago de Compostela. En 1856 vaise para Madrid, para adicarse a escribir. Alí casa con Manuel Murguía, xornalista e gran galeguista.
   Durante anos alterna a residencia entre Madrid e Galicia, onde xa quedará definitivamente a partires de 1871. Os derradeiros anos da súa vida pásaos en Padrón, na que hoxe é a Casa Museo de Rosalía. Pouco antes da súa morte, enferma de cancro, pasa unha curta tempada na Ría de Arousa (Carril), pois quería ve-lo mar antes de morrer. Con 48 anos (ano 1885), Rosalía morre en Padrón.
   Na actualidade, os seu restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval (Santiago).
OBRA
   Rosalía cultivou distintos xéneros literarios: novela, cadro de costumes, conto, reportaxe, poesía... Pero é aquí, na poesía, onde máis destacou, converténdose nunha poetisa universal.
   Rosalía escribiu tanto en galego como en castelán. En galego escribiu os libros de poemas Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880).
   En castelán e en verso, La flor (1857), A mi madre (1863) e En las orillas del Sar (1884). En prosa escribiu, entre outras, as obras Flavio (1861), El caballero de las botas azules (1867), La hija del mar (1859), El primer loco (1881), Costumbres gallegas (1881)  Padrón y las inundaciones (1881) e Ruinas (1866).
   No centenario da publicación de Cantares Gallegos (1963), a Real Academia Galega consagrou o 17 de Maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foron adicadas a Rosalía na súa primeira edición. Elexiuse esta data porque era a que figuraba na adicatoria feita por Rosalía.
                           
CANTARES GALLEGOS
   
     En maio de 1863 imprímese en Vigo Cantares Gallegos, libro fundamental do Rexurdimento da lingua galega. Neste libro Rosalía nomea "cantares" populares galegos, que eran recollidos e estudados polo seu home, o insigne galeguista Manuel Murguía. Tamén fai referencia a ditos e refráns.
     É o seu primeiro libro en lingua galega, e tamén o primeiro en galego da literatura moderna. Rosalía realiza a fazaña de escribir nunha lingua na que non se escribía dende facía centos de anos. A súa voz érguese contra agravios e prexuizos seculares, e faino en lingua galega.
      O primeiro poema vai a xeito de introducción poética. Os cantares pódense clasificar en monólogos, diálogos, poemas de costumes, humor, sátira, sociais, patrióticos... Estes últimos son os máis importantes. Están inspirados na emigración ou no menosprezo por todo o que teña que ver co galego.
     Adiós, ríos; adiós, fontes é o adeus do emigrante que marcha.
     Airiños, airiños, aires reflexa o desexo dunha muller de voltar a Galicia.
     Castellanos de Castilla , sentimento de maltrato ós galegos.
     Campanas de Bastabales e Como chove miudiño son poemas autobiográficos.
     Trátase, polo tanto, dun libro reivindicativo, escrito para que Galicia se encontre a si mesma, e para que os galegos rompamos cos vellos e estranos complexos.
FOLLAS  NOVAS
   Este libro é publicado no ano 1880. Rosalía sábese moi diferente das  demais  poetisas  e  xa  o  indica  no  primeiro  poema.
                     "Daquelas que cantan ás pombas e as frores,
                      todos din que teñen alma de muller.
                      Pois eu, que n'as canto, Virxe da Paloma,
                      ¡ai!, ¿de que a terei?"
   Os poemas foron escritos "no deserto de Castilla". Como ela mesma indica no prólogo, parte son poemas intimistas e a outra parte son poemas de temática social. Tamén hai poemas costumistas (A pombiña que está xorda) ou relixiosos (Na catedral).
    No libro quinto (e último) desta obra, "As viudas dos vivos e as viudas dos mortos" trata Rosalía o tema da emigración, pero dende o orixinal punto de vista da ferida psicolóxica que deixa no espírito da muller, que queda en Galicia.
     No poema "A xusticia pola man" fai unha poetización da súa traxectoria biográfica nunha sociedade hostil.
     Rosalía non volve a escribir en galego, pese á insistencia de Manuel Murguía, home seu, como xa apuntaba no prólogo...
      "...porque pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva a escribir máis versos na lengua materna."


"Tecín soa a miña tea,



sembrei soa o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar."


terça-feira, 5 de fevereiro de 2013

Eu falarei

EU FALAREI, con música do “I will survive” de Gloria Gaynor, e cunha letra escrita polo EDLG de Chapela, é un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova.


Recitando a Celso Emilio

O día 12-12-2012 celebramos o acto RecitandoCelsoEmilio. Aquí tedes algunhas fotos do evento.



 

Adhesivos.

  • Aquí atendemos en galego.

Feísmo lingüístico.

  • Fotos de desleixo lingüístico.